Xeitosa Producións

Ailá con Cantigas e Agarimos

Ailá e Cantigas & Agarimos únense neste espectáculo para ofrecer unha proposta única, onde o repertorio da tradición oral de Ailá se funde coa traxectoria e experiencia da asociación folclórica decana de Santiago de Compostela. Un colectivo que leva décadas traballando na recollida, divulgación e ensino da cultura tradicional, sendo referencia para moitas xeracións que quixeron achegarse ás súas raíces.

Neste espectáculo, Ailá súmase a cinco pandereteiras da asociación para ofrecer un concerto inesquecible, cheo de forza e emoción.

A colaboración naceu dos vínculos persoais e musicais entre ambas formacións: Manuel é docente na asociación, mentres que Xan formou parte da agrupación, fortalecendo así unha conexión sobre o escenario.

Aila Sinfónico

Neste espectáculo conflúen dúas das grandes expresións da música tradicional galega: a música folclórica e a música de banda. “Ailá Sinfónico” propón unha fusión vibrante e emocionante, con arranxos coidados a cargo dos compositores Raúl Riñerola e Pedro Lamas, pensados para ser interpretados xunto a calquera banda municipal disposta a colaborar.

A banda achega unha nova dimensión ao repertorio de Ailá, enriquecéndoo coa súa harmonía e creando un colchón sonoro poderoso que realza cada peza. Esta proposta non só une estilos musicais, senón tamén xeracións, tendendo pontes coa canteira de músicos das bandas, sempre comprometidos coa transmisión da nosa tradición.